miércoles, 17 de septiembre de 2008

Hábitos de vida saudables

O Concello de Ourense fomentará os hábitos de vida saudables cunha carpa de asesoramento nutricional, que estará nas Termas de Outariz dende o xoves ó sábado.

A Concellería de Sanidade do Concello de Ourense instalará dende pasadomañá, xoves, día 18, ata o sábado, 20 de setembro, a carpa de asoramento nutricional e actividade física "Aprende a Coidarte" nas Termas de Outariz. Dirixida a persoas de tódalas idades, esta iniciativa incluida no programa Ourense Cidade Saudable ten como finalidade prestar asesoramento persoalizado e gratuíto a tódalas persoas que o desexen sobre o patrón alimentario e a condición física co obxecto de fomentar estilos de vida saudables na poboación.

Un equipo de profesionais realizará a valoración antropométrica dos visitantes da carpa e lles prestará asesortamento persoal sobre alimentación saudable e equilibrada e exercicio físico. A actividade desenvolverase nas Termas de Outariz, o xoves e o venres, de 11 a 13:30 horas e de 16 a 19 horas, e o sábado, pola mañá, de 11 a 14 horas.

Esta iniciativa enmárcase nos programas de actividades que desenvolve a Concellería de Sanidade do Concello de Ourense para fomentar hábitos de vida saudables entre os ourensáns. Neste senso, os estilos de vida da sociedade actual favorecen un aumento de certas enfermidades crónicas con consecuencias socio-sanitarias e económicas sobre a saúde e a calidade de vida das persoas. A alimentación pouco saudable e non practicar actividade física con regularidade son os principais factores de risco para o desenvolvemento de enfermidades crónicas asociadas á obesidade (hipertensión, diabetes mellitus tipo II, dislipemia...). Por iso, a loita contra a obseidade é un dos maiores retos da saúde pública no presente século.

Para dar resposta a esta problemática, o Concello, co apoio da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, ten en marcha a Unidade Concello Saudable, destinada a intervir na poboación para promocionar estilos de vida saudables, con iniciativas como a que se desenvolverá esta semana nas Termas de Outariz.



Fonte: Concello de Ourense http://www.ourense.es/portalOurense/fnot_d4_v1.jsp?contenido=5791&tipo=8&nivel=1400&language=gl

No hay comentarios: