viernes, 27 de abril de 2012

Na Sultan Marathon des Sables só hai gañadores

Publicado no Diario da Universidade de Vigo

O equipo da Universidade de Vigo regresa moi satisfeito da súa participación nesta dura proba de resistencia
José García-Calvo, Antonio Molina e Ana Guede conseguiron correr os seus 240 quilómetros polo deserto
Rosa Tedín | Ourense
Cando a proba a superar é unha maratón na que se percorren 240 quilómetros polo deserto e na que só se dispón dunha mochila co imprescindible para sobrevivir, todos e cada un dos participantes son gañadores xa antes de comezar. Con esta satisfacción pero tamén coa de ter acadado un bo posto na clasificación final xa regresou a Ourense o equipo da Universidade de Vigo que competiu na 27 Sultan Marathon des Sables, que tivo lugar do 6 ao 16 de abril en Marrocos. José García-Calvo, Willy, coordinador das rutas culturais, o docente Antonio Molina e a médica Ana Guede, xa están incorporados á súa vida cotiá pero cos inesquecibles recordos de ter participando nesta cita de referencia pola súa dureza e pola disciplina e espírito de sacrificio que require.

Ana Guede, a única muller galega que participou na historia desta maratón e que este ano competía por segunda vez, conseguiu o posto 13 da súa categoría, a de mulleres maiores de 50 anos. “Ana é unha raíña, unha persoa cun espírito de sacrificio tremendo, que fixo un papel fantástico a pesar de que o terceiro día case non se podía andar pola polas bochas dos pés”, salienta José García-Calvo, coordinador do equipo.

Igualmente extraordinaria, destaca José García-Calvo, foi a maratón realizada por Antonio Molina, que rematou no posto 465 da categoría xeral. “A pesar de ser a primeira vez que corría nunha proba así, Antonio enfrontouse á proba dun xeito magnífico, non deixándose afundir pola dor das bochas e sempre sorprendéndonos pola súa capacidade de racionalizar o que estabamos vivindo e a súa dureza”. Pola súa banda, o coordinador do equipo rematou noveno na súa categoría, a de maiores de 60 anos. “Como eu nunca teño bochas, para min a proba non foi tan dura coma para eles”, explica.

O "momento marabilloso"
De cada día de maratón os participantes lembran algún momento especial pero entre eles salientan a dureza da etapa inicial, que se supoñía de aclimatación pero que foi de 38 quilómetros e dificultade alta, e a etapa máis longa, a de 81 quilómetros que os deixou exhaustos. “Das tres ocasións nas que participei na Sultan Marathon des Sables, eu creo que esta edición foi a máis dura, e de feito dos 880 participantes que tomaron a saída 20 abandonaron o primeiro día”, apunta José García-Calvo.

O equipo da Universidade, que contaba tamén co patrocinio de Termas Outariz (Ibernisha) e Deportes Redonet, amósase especialmente contento cos resultados do adestramento realizado durante os seis meses previos á cita, que lles permitiu enfrontar a proba axeitadamente, e co equipo material que levaron, que segundo explican cumpriu todas as súas necesidades. Do desenvolvemento da maratón tamén queren destacar e agradecer a excelente organización, que cualifican de impecable pola súa eficiencia e porque conseguen manter o espírito de aventura co que naceu a iniciativa da man de Patrick Bauer.

Alén da superación física e mental que supón realizar esta maratón, José García-Calvo apunta por último que en realidade “o momento marabilloso” da proba era cada día, ás 18.00 horas, cando a organización repartía entre cada participante os correos electrónicos de ánimo recibidos de familiares e amigos. “Nese momento na haima, onde estabamos descansando oito persoas realmente desfeitas, facíase o silencio, líamos cada un as nosas mensaxes, víñansenos as bágoas e aí é onde sentías que o que estabas facendo merecía realmente a pena”, recoñece o coordinador do equipo da Universidade.

No hay comentarios: